O primeiro camión, con dúas bobinas de ferro de 16 toneladas e adornado con bandeiras de Venezuela, cruzaba a ponte internacional Simón Bolívar baixo a mirada do presidente colombiano, Gustavo Petro, e o gobernador do estado venezolano de Táchira, Freddy Bernal. O paso fronteirizo estivera pechado sete anos ao paso de mercadorías.
A comitiva venezolana completárona o ministro de Transporte, Ramón Velasquez, o ministro de Industria, Hipólito Abreu, e o superintendente do Seniat (Facenda), José David Cabelo. Un evento que Petro cualificou de histórico para toda Sudamérica. O mandatario asegurou que a apertura do paso debe mellorar a situación de dereitos humanos nunha rexión na que operan disidencias das FARC, o Exército de Liberación Nacional e bandas narcotraficantes.
Despois da carga de bobina de ferro, que pasaba cara ao lado colombiano, un camión cargado con medicamentos pasou a ponte en dirección a Venezuela. O paso de mercadorías pola ponte estaba restrinxido desde 2015 e pechouse do todo cando o líder opositor venezolano Juan Guaidó, recoñecido como presidente encargado polo expresidente colombiano Iván Duque, tratou de pasar cargas de alimentos e medicinas enviadas por Estados Unidos en 2019.