Comeza a campaña de desbroce en nove parroquias da Laracha

1 minutes read

A campaña de roza e desbroce de cunetas nas estradas de titularidade municipal comeza esta semana nas parroquias de Montemaior, Soandres, Vilaño, Soutullo, Golmar, Lendo, Lemaio, Erboedo e Coiro despois de que o Concello completase recentemente o procedemento de contratación do servizo. Nestas nove parroquias prevese actuar nunha lonxitude lineal duns 242 quilómetros.

Trátase da segunda fase da campaña anual que o Concello desenvolve cada ano desde finais da primevera e ata o outono para   adecuar a vexetación herbácea das marxes de todas as estradas, vías, pistas asfaltadas e camiños forestais de titularidade municipal.

Neste ano tan atípico, o Concello adiantou a execución da primeira fase dos desbroces, que incluíu as catro parroquias máis poboadas do municipio (Torás, Lestón, Caión e Cabovilaño). Estase a facer xa desde maio, despois de que o Goberno central permitise os paseos e a actividade física ao aire libre, co propósito de aumentar a seguridade e facilitar o tránsito de peóns ante a situación derivada pola Covid-19. Os traballos xa están practicamente finalizados.

O Concello destinará máis de 90.000 euros procedentes integramente de fondos municipais á campaña de desbroce deste ano.