O plan acordado pola Consellería do Mar e o sector sobre a pesca do polbo permanecerá vixente ata que se publique o do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece esta planificación para a campaña 2023/2024, a partir do 3 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 35 quilos por barco e día, á que se suman 35 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 240 quilos por xornada.
No resto da campaña a cota máxima será de 55 quilogramos por embarcación e día, aos que se engaden outros 55 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 quilos por barco e xornada de traballo.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06,00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05,00 horas- e finalizará ás 16,00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.
En canto á prohibición de extraer centola na provincia de Lugo, estará vixente ata as 00,00 horas do luns 27 de novembro. Mentres, nas provincias da Coruña e Pontevedra a veda da centola comezou xa o pasado 24 de xuño e prolongarase ata o vindeiro 5 de novembro, día incluído.