Comeza a tempada do CEAX para o equipo Yacar Racing

1 minutes read

O equipo Yacar Racing inicia a tempada esta fin de semana en Lleida, onde se disputará a primeira proba do Campionato de España de Autocrós, tras non acudir a ningunha das dúas celebradas o pasado ano debido ao covid-19. De feito, xa para 2020 estaba previsto estrear o novo Yacarcross Supercrosscar con homologación XC-FIA, co obxectivo de disputar o novo Campionato de Europa da categoría Cros Car e que finalmente sería cancelado. Así no Circuit de Lleida veremos aos primeiros chasis XC-FIA pilotados por Darío Calviño e Óscar Palomo, que xunto a Javier Ramilo e Daniel Remuiñán, estes con os Yacarcross con homologación nacional, competirán na categoría Car Cros do CEAX.

A representación de pilotos con Yacarcross amplíase a Car Cros Júnior e Car Cros Promoción, sendo esta a que maior incremento experimentou desde que se comezou a convocar en 2019 e na cal estarán Antonio Herrerías –o vixente campión–, Diego Pandelo, Sergi Pérez, Roberto de Miguel e Enrique Sánchez. Entre os Júnior teremos a Mario Burgueño e a Diego Martínez, ambos tamén cos Yacarcross. Por último, a sempre atractiva División 1 verá de novo na grella de saída a Perfecto Calviño co seu habitual Ford Fiesta Proto ademais de Tomás Aranda, que está inscrito por Yacar Racing e que é o actual campión, polo que sairá por primeira vez co número 1 no seu Citroën DS3 Proto fabricado por Yacar. A proba constará de dous días de competición a desenvolver o sábado 27 de marzo e o domingo 28, xornada na cal se poderán ver as finais en directo a partir das 11:30 pola canle de Youtube da Real Federación Española de Automobilismo.