A veda do polbo da campaña 2023-2024 comeza este venres ás 16.00 horas e rematará ás 05.00 horas do vindeiro 3 de xullo. Así o establece a resolución pola que se aproba o plan experimental para a xestión do polbo con nasa, que entra en vigor mañá e permanecerá vixente ata que se publique o plan da seguinte campaña extractiva e a correspondente veda. Non obstante, malia finalizar a actividade extractiva, as capturas desembarcadas o 19 de maio poderán comercializarse tamén ao día seguinte naquelas lonxas que tradicionalmente rexistran vendas deste cefalópodo os sábados.
Este período de descanso para a especie, necesario para axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e contribuír a unha explotación máis sustentable, implica que queda expresamente prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, desembarco, almacenamento, venda ou comercialización desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, a frota dedicada á captura deste cefalópodo con nasas deberá retiralas do seu calamento e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
Este ano, froito dos contactos coas federacións de confrarías e das correspondentes avaliacións técnicas do estado do recurso, a Consellería do Mar decidiu incrementar os topes máximos de captura fixados no plan en relación con campañas anteriores. Polo tanto, a partir do 3 de xullo a cota máxima da especie será de 35 quilogramos por barco e día, á que se lle engaden 35 quilos diarios por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 240 quilogramos por xornada. No resto da campaña a cota máxima será de 55 quilos por embarcación e día, aos que se lle engaden outros 55 por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 quilos por xornada de traballo.
Este plan tamén establece por primeira vez a posibilidade de substituír as cotas máximas diarias de captura e desembarco por topes semanais en función da evolución da campaña e atendendo a circunstancias que o xustifiquen debidamente, unha medida de carácter temporal que permanecerá vixente unicamente mentres duren as causas que a motivaron.