Comeza un mes de loito oficial en Galicia

1 minutes read

A decisión tomouna este xoves o Consello da Xunta, a modo de render homenaxe ás vítimas falecidas polo coronavirus e as súas familias, para o que decretou loito oficial na Comunidade durante todo o mes de maio. “Cremos que é o momento de render unha homenaxe a todas as vítimas e de honralas como merecen”, aseverou Feijóo, durante a rolda de prensa, incidindo en que este loito oficial representa o respecto á súa memoria e aos seus familiares.

Nesta liña, o responsable da Administración autonómica afirmou que a Comunidade afronta un momento clave desta pandemia cuns indicadores epidemiolóxicos e cunha capacidade sanitaria que a sitúan nunha posición sólida: tanto en datos de ocupación de camas de críticos e agudos, como na disposición de equipos de reserva –UCI e respiradores-, na capacidade diagnóstica instalada nos laboratorios e na dispoñibilidade de stock de equipamento de protección sanitaria.

“Estamos preparados para iniciar a reactivación económica porque entendemos que cumprimos as condicións, pero non o podemos asegurar con certeza porque non sabemos aínda cales son as condicións que temos que cumprir para pasar á fase 1 do que o Goberno central chama desescalada”, dixo, incidiu na necesidade de coñecer o baremo ou o punto de corte nos indicadores, para dar certezas. “E tampouco hai datos obxectivos ou serológicos”, lembrou, pedindo unha vez máis concreción e certezas. “Non podemos seguir sen concretar cales son os criterios fundamentais que se van a aplicar; criterios obxectivos, constatables e contrastados, para pasar da fase da discrecionalidad á fase das certezas”, abundou.