O tramo afectado presenta unha lonxitude duns 150 metros e unha anchura media superior aos cinco metros, que están repartidos en dúas franxas de adoquín separadas por unha rigola que serve de canle para conducir as augas pluviais ata o punto de recollida. A franxa que soporta a maior parte da circulación rodada -a marxe dereita en dirección á praza- atópase deteriorada e require dunha intervención para favorecer o tránsito e aumentar a seguridade. Os traballos consistirán na reposición do adoquinado, o que fai preciso levantar as lousas existentes na actualidade.
As obras, levadas a cabo polo Concello da Laracha, obrigan a habilitar a parte esquerda da calzada para a circulación dos vehículos entre a rúa Campo da Insua e a praza Eduardo Vila Fano, polo que serán eliminados de xeito temporal, durante a execución das actuacións, os espazos de estacionamento nesa marxe da rúa da Torre.
O proxecto presenta un orzamento de 40.000 euros, sendo o prazo de execución de aproximadamente dúas semanas.