A piscina municipal da Laracha permanecerá pechada por obras este venres 24 de abril

1 minutes read

O Concello da Laracha informa de que a piscina municipal permanecerá pechada ao público este venres, día 24 de abril, co obxectivo de continuar coas obras de renovación da cuberta do edificio.

A decisión foi acordada tras a reunión mantida na xornada de hoxe entre representantes do Goberno local e o responsable da empresa concesionaria da xestión das instalacións, Hebe Sport, na que se avaliaron as necesidades técnicas da intervención e a forma de compatibilizar os traballos co funcionamento habitual do complexo deportivo.

Durante a xornada do venres procederase á colocación dunha malla de protección, paso previo imprescindible para poder executar posteriormente as obras coas instalacións en funcionamento. Por este motivo, o peche limitarase exclusivamente a ese día.

O resto dos espazos do complexo deportivo permanecerán abertos e dispoñibles para o seu uso habitual, incluíndo o ximnasio, os vestiarios, a recepción e as zonas comúns.

O Concello lamenta as molestias que esta situación poida ocasionar ás persoas usuarias e agradece a súa comprensión, subliñando que se trata dunha actuación necesaria para mellorar as instalacións. O proxecto supón un investimento superior aos 215.000 euros.