Comezan as obras dos aparcadoiros dos Centros Hospitalarios Públicos

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora dos aparcadoiros, firmes e beirarrúas dos centros hospitalarios públicos de Santiago. As actuacións, que suporán un investimento da Xunta próximo aos 460.000 euros, levaranse a cabo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), no Hospital Gil Casares, no Hospital Psiquiátrico de Conxo e no Hospital Provincial.

Concretamente, no CHUS e no Gil Casares levarase a cabo o fresado e reposición de firme en zonas localizadas, fundamentalmente naquelas onde presenta maior deterioro, e tamén se procederá á reposición de beirarrúas.

Estes traballos iniciáronse na noite deste luns nas inmediacións do CHUS, co desmontado dunha zona na que existe un terraplén co obxectivo de habilitala e destinala a aparcadoiro. Esta intervención, que se acomete en horario nocturno para evitar afeccións, está previsto rematala en catro noites. Nas seguintes semanas procederase á reparación de firmes no contorno deste centro hospitalario.