Comezan novos traballos de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas de Lugo e da Coruña

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No marco destas actuacións, esta vindeira semana iniciaranse estes traballos na LU-172, en Muras; na LU-540 en Muras e Xermade; e na LU-120 ao seu paso por Vilalba, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei. En paralelo, comezarán as tarefas na vía de alta capacidade VG-1.2 Cee-Sardiñeiro, en Fisterra.

Tamén continuarán os traballos na estrada que une Mosqueiros (AP-53) e Santa Lucía (N-525), a CG-1.6; na AC-116 en Valdoviño e Meirás; na vía de alta prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria; na estrada OU-801, en Cortegada; e na vía de altas prestacións que conecta Lourizán e Ardán, ao paso polos concellos de Pontevedra e de Marín.