No Congreso dos Deputados comezan os preparativos para a xura da Constitución da princesa de Asturias. Os cambios no Congreso están en marcha. Retíranse os escanos habituais para que poidan situarse deputados e senadores, xa que se trata dunha sesión conxunta. Vaise retirar tamén a tribuna de oradores. E a imaxe será similar a do 30 de xaneiro de 1986, cando o agora rei Filipe VI xuraba a Constitución.
Non será a primeira vez que a princesa de Asturias acuda ao Congreso. Xa estivo na apertura da actual lexislatura, en xaneiro do 2020. Agora chega á maioría de idade nun mes en que tivo unha intensa axenda institucional. Xurou bandeira na Academia Militar de Zaragoza, estivo nos actos do 12 de outubro e acudiu á entrega dos Premios Princesa de Asturias, onde expresou a ilusión coa que afronta o acto do día 31.