Comezaron as obras da 1ª fase de mellora integral da travesía de Teixeiro, en Curtis

2 minutes read

Esta actuación na estrada autonómica AC-231, que conecta coa N-VI e vai a Sobrado, ten un prazo de execución de 12 meses e suporá un investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

A intervención que se acaba de iniciar comprende un treito de preto de 1 km de lonxitude, en dúas zonas diferenciadas.

Mellorarase de xeito integral a travesía de Teixeiro, actuando nesta primeira fase ao longo de case 500 metros da AC-231, que se suman aos outros preto de 500 de intervención no Camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica.

Os traballos céntranse na propia vía autonómica, ao longo de preto de 500 metros da estrada AC-321, comezando pola renovación das redes de abastecemento e de saneamento, executando rede de pluviais e sistema de drenaxe. Estas tarefas teñen como obxectivo evitar avarías e roturas frecuentes das redes, que provocan encharcamentos que acaban socavando o terreo e derivan no afundimento da estrada.

Tamén se renovarán as beirarrúas, dotándoas dun ancho mínimo de 1,8 metros, para garantir a accesibilidade e favorecer a mobilidade dos veciños. E ampliaranse os espazos nas zonas dos pasos de peóns para mellorar a visibilidade, actuando sobre o firme onde sexa necesario.

No marco desta obra, procederase, ademais, á canalización da rede de servizos: iluminación, telecomunicacións, electricidade, para a mellora estética da contorna, moi urbanizada, xa que agora eses servizos, na súa meirande parte, van mediante tendidos aéreos e grapados nas fachadas das edificacións.

De xeito complementario, realizaranse outras actuacións de mellora da seguridade viaria, de integración urbana e dotación de mobiliario, como bancos, papeleiras e axardinamento.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?