Comezaron os traballos para proceder á apertura da lagoa de Baldaio

2 minutes read

As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, visitaron este venres a zona para supervisar as actuacións que se están a realizar en base ás recomendacións dos técnicos, que aconsellaron acometer unha redución progresiva e controlada urxente da auga concentrada.

A semana pasada, técnicos dos dous departamentos autonómicos e do Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago desprazáronse a Baldaio para analizar in situ o estado da lagoa e informar sobre as medidas máis axeitadas para paliar a situación. A raíz destas visitas, acordouse como primeira acción de carácter urxente proceder á apertura da lagoa co fin de que poida desaugar e ante a imposibilidade de que este proceso se produza nestes momentos de forma natural.

O director da obra explicoulles ás conselleiras os traballos que se están a executar sobre o terreo, grazas aos cales se persegue un triplo obxectivo: preservar o ecosistema existente na lagoa de Baldaio, evitar futuros asolagamentos na contorna deste espazo, e garantir á volta á normalidade desde o punto de vista da explotación marisqueira que se fai nesta zona.

Un equipo de investigadores da USC elaborarán unha estratexia de actuación integral e estable no tempo que garanta a conservación dos valores naturais da lagoa de Baldaio e lle devolva o seu equilibrio.

Ampla representación municipal e veciñal

O alcalde, Evencio Ferrero, varios membros do goberno municipal e numerosos veciños/as achegáronse este venres ata Baldaio coincidindo co inicio dos traballos de reapertura da canle da lagoa por parte da Xunta de Galicia, unha medida que agardan sirva para poñer freo, polo menos dun xeito provisional, ao deterioro do espazo. Dende o Concello de Carballo afirman que seguen en contacto coa agrupación de mariscadores e coa poboación afectada pola crise ambiental, económica e social provocada pola acumulación de toneladas de area na canle que comunicaba a lagoa co mar. E unha vez máis póñense a disposición das Administracións competentes para colaborar na adopción das medidas que garantan definitivamente a conservación dos valores naturais de Baldaio e tamén das actividades residencial e económica que, dun xeito sostible, se veñen desenvolvendo na zona.

Luis Lamas e Evencio Ferrero, en Baldaio