Máis de 700 empresas apostaron por estar presentes nunha feira multisectorial que medra como espazo de negocio. Aquí, importadores e distribuidores aproveitan as bolsas de contratación, máis internacionais ca nunca. Abrindo novas oportunidades na alimentación e no turismo.
O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, explica que “estes dous primeiros días son profesionais. Temos 29 compradores internacionais de dezanove países na parte de alimentación, 32 touroperadores de 12 países na parte de turismo”.
Nesas mesas están hoteis, casas de turismo rural, adegas… A visita lévanos de Turexpo, o salón do turismo, a Salimat, o da gastronomía, con produtos tradicionais canda os máis innovadores. Hai de aquí e de fóra. Un paté de porco celta con uva de treixadura e mel con Indicación Xeográfica Protexida, que pon en valor a economía de proximidade e o valor ecolóxico. Ou o chocolate con anchoas de Cantabria, que recibiu un premio ao mellor chocolate artesán europeo.
Gandería, bioenerxía, maquinaria, mobiliario e artesanía… tamén están presentes na feira.