Comezou a vacinación de 50.000 profesionais do ámbito educativo

1 minutes read

De acordo ás directrices establecidas polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde no seu Plan de Vacinación, e tras unha pilotaxe, Galicia ven de iniciar, de xeito ordinario, a vacinación dos profesionais da comunidade educativa galega, comezando polos docentes menores de 55 anos. Así, o Executivo galego ten previsto que a administración da primeira das doses remate a finais do mes de marzo.

Na compaña do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o responsable da carteira sanitaria da Xunta, Julio García Comesaña, precisou que os docentes serán citados polas áreas sanitarias daqueles concellos onde se emprace o seu centro educativo e que, as inoculacións, terán lugar nos diferentes hospitais da comunidade.

“Citaremos á comunidade docente por orde alfabética e non por centros, co ánimo de que o proceso de vacinación sexa compatible co desempeño do seu labor e así influír o menos posible na atención educativa”, salientou García Comesaña.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación subliñou que “estamos diante dunha noticia notable para a comunidade educativa”. Así, remarcou que a Xunta priorizou a vacinación deste colectivo profesional “conscientes do importante papel que desempeñan”. Deste xeito, Galicia convértese nunha das primeiras comunidades autónomas nas que se está vacinando ao persoal educativo.