Cómoda vitoria do Calvo Xiria en Vigo ante UB Lavadores

1 minutes read

O Calvo Xiria de balonmán desprazouse este domingo a Vigo para enfrontarse ao UB Lavadores, e non baixou a marcha que lle caracteriza neste tramo final de tempada. Logo duns primeiros minutos de igualdade en pista, pronto quedou patente a situación de cada equipo na clasificación xeral, onde o Calvo Xiria é primeiro e o UB Lavadores último. O equipo carballés que dirixe Adrián Dubra comezou a despegarse do seu rival no marcador aos cinco minutos de partido, no minuto 20 dominaba por 10 goles, 8-18, chegando ao descanso cun resultado de 13-23. Tras a volta de vestiarios máis do mesmo, claro dominio visitante, cun Calvo Xiria cómodo en pista oscilando en todo momento unha vantaxe sobre Lavadores de 10 tantos no luminoso. Ao final 29-38 e o obxectivo un pouco máis preto, a un empate de certificar a fase de ascenso.