Completada a adquisición de 34 novos equipos TAC para os hospitais públicos galegos


Estas contratacións supuxeron un investimento de 21,1 millóns de euros para os que a Xunta canalizou fondos Next Generation da Unión Europea, achegando ademais fondos propios da administración autonómica para poder adquirir equipos de gamas superiores aos financiados polos fondos europeos como sete TACs de tecnoloxía espectral, un para cada unha das sete áreas sanitarias, que melloran a capacidade diagnóstica e diminúen as doses de radiación.

Os contratos incluíron tamén a adquisición de cinco TACs de planificación, destinados aos servizos de radioterapia dos hospitais de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Todos estes equipos están destinados a renovar equipamento xa dispoñible nos hospitais galegos pero que xa contaba cunha antigüidade superior aos 10 anos, coa excepción do TAC de planificación de Pontevedra, que suporá unha ampliación de equipamento xa que se incorporará ao novo Servizo de Radioterapia que nacerá na área coa posta en marcha do Gran Montecelo.

Os distintos contratos fixan un prazos de entre 5 e 12 meses para a entrega deste equipamento, polo que a súa instalación efectuarase ao longo deste ano e do vindeiro. En particular, 17 dos equipos serán instalados no ano 2022 mentres que outros 9 se incorporarán ao longo do ano 2023.