O goberno local de Santiago, conformado por BNG e Compostela Aberta, expuxo este luns as súas prioridades e liñas de acción para este 2024 que agora comeza, un ano no que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, quere ter en marcha a renovación da concesión do transporte urbano, adiada desde hai unha década, e a taxa turística. O executivo local quere aumentar a participación cidadá e «que a poboación recupere o orgullo de capital», en verbas da rexedora. Uns retos que fixa tras lograr hai uns días un acordo co PSdeG para a aprobación dos orzamentos municipais deste ano.
Ademais da súa intención de «axilizar a administración municipal», que admite que «vai levar tempo», a rexedora asegurou que 2024 «ten que ser o ano no que avanzar no proceso de renovar a flota de autobuses e aumentar as liñas e frecuencias» con «ese contrato de transporte xa en marcha», en referencia a unha concesión que sucesivos gobernos locais veñen prorrogando desde hai unha década á espera dun novo concurso público. A rexedora tamén dixo que «a taxa turística ten que ser unha realidade en 2024».
Goretti Sanmartín tamén amosou a súa intención de «ter a folla de ruta» tamén este ano para unha reurbanización do eixo de rúas entre a Praza de Galicia e San Caetano, vías estreitas e moi concorridas polas que pasa aínda un importante volume de tráfico. A medio prazo tamén se marca como obxectivos ampliar o parque de vivenda pública «con compra e rehabilitación de inmobles para alugueiro» ou mellorar o saneamento e a «discriminación histórica do rural».
A alcaldesa foi preguntada polo papel comarcal de Santiago e os servizos compartidos cos concellos da súa contorna, ante o que respondeu que «Santiago ten que exercer como capital comarcal tamén, non só do país, e no transporte xa estamos a facelo». Porén, remitiu a unha próxima reunión cos concellos veciños tras as eleccións galegas do 18 de febreiro.