25
Corren tempos difíciles para o Goberno local de Malpica, co socialista Walter Pardo á cabeza, tras a dimisión este mércores do concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo. Ante esta nova, o rexedor emitiu un comunicando expresando o malestar por este abandono político que «non se corresponde co obxectivo de buscar o ben» dos veciños de Malpica, senón que atinxe á libre actuación para «favorecer a determinadas persoas».
O seguinte texto é o comunicado oficial e completo emitido polo alcalde de Malpica, Walter Pardo.
- «Queda absolutamente claro que a intención do concelleiro non adscrito non se corresponde co obxectivo de buscar o ben da veciñanza malpicá, senón que máis ben responde ao seu interese particular. O único que está a facilitar desde xa é o atranco político e a demora na acción municipal que pide a cidadanía.
- Desde a conformación do goberno local, o grupo socialista tratou por todos os medios de facilitar a comunicación tanto cos membros do Bloque Nacionalista Galego no Concello como co concelleiro non adscrito. A actitude deste último ao longo destes anos foi, como ben sabe a propia veciñanza e as persoas que forman parte da corporación municipal, unha problemática á hora de sacar adiante acordos e mesmo executar proxectos que contaban co visto bo do resto do pleno.
- En calquera caso, tivéronse en consideración, sen excepción, todas as propostas das e dos integrantes da executiva malpicá nestes dous anos de mandato. O diálogo foi sempre a ferramenta coa que se intentou procurar o mellor para Malpica e a súa xente. É unha verdadeira mágoa que as pretensións do concelleiro non adscrito disten deste propósito.
- Non aceptei nin aceptarei xamais que un compoñente do goberno local que presido actúe por libre para favorecer a determinadas persoas, queréndose escapar das normativas dos procedementos administrativos legais. Ser membro do goberno de Malpica é unha das maiores honras que un pode asumir na vida e por iso é esencial actuar coa responsabilidade e seriedade que merece o cargo. Isto foi o que esixín desde o principio e se alguén non o pode cumprir, desde logo que non ten sitio neste equipo de goberno.
- En canto ao traballo feito polo goberno local de Malpica desde a súa renovación en maio do ano 2019, manifesto a miña máis profunda satisfacción polas iniciativas que xa se executaron nestes dous últimos anos e polas moitas outras actuacións que están encamiñadas ou a piques de realizarse en curto, medio e longo prazo. Coa chegada dun novo equipo de goberno, o Concello de Malpica puido gozar dunha renovación na súa dirección e atender a moitas das demandas que ata o momento non obtiveran resposta.
- Como alcalde do Concello de Malpica, seguirei mantendo o meu pobo como prioridade absoluta en calquera das decisións que se adopten desde o goberno. A veciñanza sempre está e seguirá estando por riba de calquera persoa que intente poñer por diante os seus intereses particulares. Malpica merece uns gobernantes á súa altura. Seguiremos traballando polo ben de todas as familias ás que representa este equipo de goberno. Malpica sempre estará por diante».