A Xunta de Goberno Local aprobou a renovación do convenio entre o Concello de Carballo e a Cámara de Comercio para impulsar o emprendemento, utilizando como plataforma o viveiro de empresas situado no polígono de Bértoa. Grazas a este acordo, o viveiro está a actuar como incubadora de proxectos empresariais locais, poñendo a disposición dos seus usuarios e usuarias servizos gratuítos de asesoramento, información ou formación. O Concello de Carballo achegará un máximo de 15.000 euros para o desenvolvemento do convenio.
Dende a súa posta en marcha no ano 2007, o viveiro da Cámara da Coruña ten acollido máis de 60 empresas e proxectos de diferentes sectores de actividade e serve como lanzadeira para que eses proxectos poidan dar o salto a instalacións propias no polígono. A ocupación media nos últimos anos sitúase entre o 70 e o 80%.
O viveiro está especialmente indicado para autónomos/as, emprendedores/as e empresas que inicien a súa actividade, que deste xeito poden minimizar os gastos de posta en marcha do negocio e establecer sinerxias co resto de usuarios/as das instalacións.