Concentración este luns diante do centro de saúde de Baio para defender unha sanidade pública de calidade

2 minutes read

Con motivo da celebración o 13 de abril do Día Mundial da Atención Primaria, a plataforma SOS Sanidade Pública convoca concentracións en diversas localidades galegas para defender a sanidade pública de calidade, e denunciar o mal estado da atención primaria no noso país.

Na Costa da Morte está prevista unha concentración diante do centro de saúde de Baio (Zas), o luns 13 de abril ás 13:00 horas. O acto conta co apoio do BNG da Costa da Morte.

Desde o goberno municipal de Zas veñen reclamando que se normalice a cobertura da praza dun dos médicos titulares no centro de saúde de Zas. Ademais, esixen que se cubra a praza de pediatra. As familias teñen que acudir a Vimianzo para a atención médica das súas crianzas. 

Ante esta situación, o Concello de Zas rexistrou este xoves 9 de abril un total de 1.135 sinaturas no rexistro xeral da Xunta de Galiza para reclamar solucións urxentes ante a falta de persoal sanitario no centro de saúde do municipio. 

En febreiro, o goberno encabezado por Manuel Muíño iniciou unha campaña de recollida de sinaturas entre a veciñanza para esixir que o goberno galego adopte medidas ante a situación de abandono do servizo médico no municipio.

Postura do PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE da Costa da Morte tamén manifesta a súa profunda preocupación polo grave deterioro da sanidade pública galega, consecuencia directa das políticas de recortes e da falta de planificación do Goberno da Xunta de Galicia, presidido por Alfonso Rueda.

Neste contexto, os socialistas da comarca confirman a súa participación na concentración convocada en Baio con motivo do Día da Atención Primaria, en defensa dunha sanidade pública accesible, universal e de calidade. Así o anunciaba este venres o coordinador comarcal, Jorge Domínguez.

A mobilización, que terá lugar diante do centro de saúde de Baio, responde á situación «crítica» que vive a Atención Primaria, marcada pola falta de profesionais, a sobrecarga asistencial e as dificultades de acceso á atención sanitaria.

O PSdeG da Costa da Morte acudirá a esta concentración acompañado pola deputada Silvia Longueira, así como por cargos orgánicos e institucionais e militantes da comarca, reafirmando o seu compromiso coa defensa dos servizos públicos.