O Concello continúa desenvolvendo o Programa Integrado de Emprego. A última acción formativa realizada foi a de “Operacións de Caixa e reposición”, rematada con éxito polas 19 persoas participantes. Concluíu cunha xornada coa técnica de talento de Vegalsa-Eroski, co obxectivo de que o alumnado tivese a oportunidade de darse a coñecer e achegarse ao ámbito profesional.
Por outra banda, durante o mes de abril un grupo de 15 alumnos está a realizar a formación de “Recepción e atención ao cliente”, cunha duración de 65 horas lectivas. Está deseñada para reforzar as súas habilidades profesionais e abrir novas oportunidades no competitivo mercado laboral.
Ao mesmo tempo, continúan formándose os alumnos do curso de “Xestión Loxística”, afondando en contidos clave do sector e desenvolvendo competencias prácticas que lles permitirán mellorar a súa empregabilidade e adaptarse ás demandas actuais do mercado laboral.
Dende o servizo de orientación laboral do Programa Integrado de Emprego promoverase a realización de prácticas non laborais en empresas colaboradoras para complementar a fase formativa. Con esta fin, lévase a cabo un labor de prospección laboral, tanto achegándose ao sector empresarial comarcal como xestionando ofertas de emprego remitidas por empresas que se atopen na procura de persoal capacitado.
Se algunha empresa está interesada pode poñerse en contacto có Programa Integrado de Emprego da Laracha por teléfono nos 981309891, 981612811 e 621007079, ou por correo electrónico en programaintegradoemprego@alaracha.gal.
O Concello da Laracha, co apoio da Xunta de Galicia, continúa apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego poñendo en marcha iniciativas dirixidas a mellorar a formación das persoas que se atopan en situación de desemprego coa finalidade de aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral.