Conde abre o primeiro Industry Day de Galicia

dpm.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou na Coruña, durante a apertura do primeiro Industry Day de Galicia, que o futuro da Comunidade pasa por facer compatible a transición ecolóxica coa aposta pola industria e a súa dixitalización.

A iniciativa, promovida polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), enmárcase na Industry Week, impulsada pola Comisión Europea co obxectivo de visibilizar os desafíos industriais actuais máis relevantes. O evento reúne a máis de 200 profesionais do sector e conta con representantes de Repsol, Navantia, Ceaga, a Asociación Española de Mantenimiento, Álava Ingenieros, Grupo Ulma e Material ConneXion Bilbao que abordarán o presente e futuro da industria a través do desenvolvemento tecnolóxico e a dixitalización.

Neste sentido, o conselleiro asegurou que a Industria 4.0 vai xerar grandes beneficios pero tamén grandes retos e lembrou que Galicia está respondendo ao novo modelo con grandes avances que lle permiten estar á vangarda en sectores como o da automoción (da man da fábrica intelixente de PSA); o dos vehículos aéreos non tripulados (coa presenza no polo aeroespacial de Galicia de empresas como Indra, Babcock ou Boeing); o naval, co desenvolvemento da eólica offshore; as TIC ou a biotecnoloxía: “Galicia aposta forte por unha industria vinculada ao desenvolvemento dixital e a innovación pero tamén temos que consolidar o que xa temos, como a industria forestal e electrointensiva, xa que a aposta pola industria non ten que excluír a ninguén”, afirmou o conselleiro.

Conde animou ás empresas a reinventarse e a pensar en diferenciar a súa marca. Neste obxectivo, indicou, contarán coa Administración como acompañante do tecido empresarial a través de iniciativas como a Axenda Industria 4.0, a formación á carta, a innovación aberta ou as aceleradoras. Finalizou subliñando que esta era do cambio require do esforzo de todos os axentes implicados: centros tecnolóxicos, empresas e administración. Imaxes relacionadas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, na apertura do primeiro Industry Day de Galicia