Confinado un novo buque en Vigo con oito casos de covid a bordo


Un buque con 23 tripulantes a bordo foi confinado este venres en Vigo tras detectarse un gromo de covid-19. Segundo informou o Servizo Galego de Saúde, todos eles foron sometidos a test  PCR no laboratorio do hospital Vithas, que detectou oito positivos. Todos os pacientes están asintomáticos e gardan corentena no interior do barco, mentres que o laboratorio de Microbioloxía do hospital Álvaro Cunqueiro está secuenciando catro mostras para determinar a variante do virus. Trátase do barco Emeral Leader, un buque portacoches xemelgo do Prometheus Leader, no que se detectou hai días a variante india, ata o momento oito positivos, dos que cinco están hospitalizados no Vithas Vigo, un deles na UCI.  O Emeral Leader foi trasladado ao cargueiro de granito de Rande, onde se atopa fondeado, e onde permanecerá polo menos dez días inmobilizado.