Confirmados os nomes dos cociñeiros que estarán á fronte dos showcookings das Xornadas Gastronómicas de Corcubión

2 minutes read

A Confraría de Pescadores de Corcubión confirmou os nomes dos tres cociñeiros que estarán á fronte dos showcookings das súas Xornadas Gastronómicas, que se celebrarán os días 21, 22 e 23 de agosto no porto e a lonxa do municipio. Estas actividades gratuítas ofrecerán aos asistentes a oportunidade de ver en directo e degustar despois diferentes propostas gastronómicas baseadas nos produtos procedentes da pesca costeira artesanal en Corcubión.


O venres 21, ás 19:00h, Diego Novas abrirá estas mostras de cociña. Un cociñeiro que define a súa proposta como “cociña vándala» construída sobre o produto de proximidade. Novas traballou como chef en proxectos como Barrabasada e o Palacio da Oliva, en Vigo, e actualmente está á fronte de Choubisnes, un servizo de delivery que cultivou gran éxito na cidade durante a pandemia e que recuperou recentemente.


O sábado 22, tamén ás 19:00h, poñerase á fronte dos fogóns Miguel Mosteiro, responsable de Gastrolab Arousa e unha das caras máis reconocibles da gastronomía galega, tanto en eventos do sector como en programas de televisión. Mosteiro é tamén o responsable gastronómico da carpa da festa, na que se servirán racións de polbo á brasa, polbo á feira, longueirón e croquetas de polbo, así como empanada de polbo e empanada de millo de sardiña. A cociña abrirá o venres de 20:00h a 23:30h; o sábado de 13:00h a 17:00h e de 20:00h a 23:30h; e o domingo de 13:00h a 17:00h.


Michael Pacheco será o encargado de pechar os showcookings o domingo 23, ás 12:00h. Pacheco foi finalista na última edición do certame Talentos by Abril, unha iniciativa impulsada por Aceites Abril para dar visibilidade ao talento novo das escolas públicas de hostalería do norte e centro de España. Pacheco chegou á gran final, celebrada no Centro Superior de Hostalería de Galicia, en Santiago de Compostela, cunha receita que xa apuntaba ao produto protagonista destas xornadas: unha «Tintura de polbo».


Cada showcooking conta con 30 prazas e a inscrición é gratuíta a través do teléfono 981 746 951. Para facilitar a participación do maior número de persoas, só se admite a reserva nun dos tres showcookings por persoa.


As xornadas teñen tamén un espazo pensado para os máis pequenos: o sábado, ás 12:00h, un taller infantil de disección de cefalópodos permitirá aos nenos de entre 6 e 12 anos examinar por dentro e por fóra especies como a lura, con observación ao microscopio incluída; e ás 19:30h, un segundo taller aberto a todas as idades explorará a biodiversidade mariña a través de mostras de animais, cunchas e outros elementos didácticos. Ambos os talleres teñen prazas limitadas e a inscrición, tamén gratuíta, realízase no mesmo teléfono, 981 746 951.


O sábado, ademais, ás 12:30h, terá lugar na lonxa unha charla con profesionais da confraría, que compartirán cos asistentes as claves da pesca e a comercialización do polbo en Corcubión, así como curiosidades dunha especie que ten tanto peso na localidade.