Confírmase en Vigo o terceiro caso de coronavirus en Galicia

1 minutes read

Trátase do marido da paciente que permanece illada no hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo. As análises realizadas no hospital e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, ratifican a infección por coronavirus. Ao paciente solicitáraselle a proba de COVID-19 ante a presenza dunha pneumonía. Está illado nunha habitación do hospital vigués, aínda que compartiu habitación con outros enfermos durante tres días. 

O segundo positivo por coronavirus en Galicia confirmábase na tarde deste xoves, era o dunha muller de 47 anos residente na área de Vigo. E, igual que o primeiro caso confirmado, volvía ser importado. O vínculo epidemiolóxico é a súa parella, tamén infectada, e que estivo en Madrid. 

Desde a Consellería fan un chamamento á tranquilidade e lembran, que, polo momento, os casos diagnosticados en Galicia son importados.