Constitúese o pleno do consello regulador da nova IXP Pan Galego

1 minutes read

Este xoves quedou constituído o pleno do consello regulador da nova Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, tras aprobarse esta semana no Diario Oficial de Galicia o seu regulamento. A persoa que estará á fronte da Presidencia é Guadalupe Gómez Franco.

Este selo de calidade impulsouno no ano 2015 a Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan) e contou co apoio da Xunta dende os inicios. Coa posta en marcha desta indicación, a Xunta e o propio sector agardan que se beneficien un gran número de pequenas panaderías distribuídas por toda a comunidade, nomeadamente nas zonas rurais. Ademais, esta indicación incentivará o cultivo de trigo en Galicia, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores, na recuperación do rural e mesmo para previr incendios forestais, ao actuar os terreos de labradío como barreira fronte aos lumes.

Segundo o regulamento aprobado esta semana no DOG, as características do pan pasan por ter unha codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular. Poderá elaborarse en forma de fogaza, rosca, bolo ou barra e, canto ao sabor e o aroma, o pan distinguirase por ser moi aromático e por contar cun sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido.