Constituído o Parlamento da XII lexislatura en Galicia

1 minutes read

O Parlamento de Galicia para a que vai ser a XII lexislatura quedou constituído este luns. Un mes despois das eleccións, os deputados prometeron (ou xuraron) o seu cargo e elixiron ao órgano reitor da Cámara, no que finalmente o BNG facilitou que o PSOE teña unha representante. Estes nomeamentos confirman, ademais, un cambio no Goberno galego: sae da Xunta a ata o de agora conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, polémica polas adxudicacións dos servizos de transporte de autobús, que queda recolocada co posto de secretaria da Mesa do Parlamento.

O presidente vai ser de novo Miguel Santalices, do PP de Ourense. Político que se iniciou na órbita dos Baltar e veterano deputado -desde 1997; esta que empeza é a súa oitava lexislatura- repite o o cargo, no que xa leva oito anos, máis que ningún outro presidente do Parlamento galego. Antes de dar por finalizada a sesión tomou a palabra para asegurar que “ninguén quere máis ao Parlamento de Galicia” que el e pedir a paz mundial. Xunto a el, forma parte da Mesa do Parlamento a deputada do PP de Lugo Elena Candia como vicepresidenta primeira, o que a sitúa fóra do Gobierno galego a pesar de que o seu nome era habitual das quinielas de novos conselleiros. Tamén están neste órgano reitor Montse Prado, do BNG, que repite como vicepresidenta segunda. A secretaria é Ethel Vázquez e o posto de vicesecretaria será finalmente para o PSOE e ocuparao a deputada pola Coruña Patricia Iglesias.

Ademais, o novo deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea -que constitúe o grupo mixto, inexistente na anterior lexislatura- conseguiu un voto en cada unha das votacións, en que presuntamente se votou a si mesmo.