Consumo envía advertencias de sanción a webs por publicitar prostitución

1 minutes read

O Observatorio da internet do Ministerio de Consumo realizou un estudo sobre a publicidade da prostitución en portais web e descubriu que, a pesar de que este tipo de anuncios están prohibidos por lei, seguen existindo plataformas que ofrecen os seus espazos publicitarios “para que, aparentemente de forma autónoma, quen exerce a prostitución se publicite”.

Ante iso, o Ministerio de Consumo, a través da Dirección Xeral de Consumo, enviou advertencias de sanción a webs por ser beneficiarias economicamente do exercicio da prostitución doutras persoas.

Nelas, a Dirección Xeral de Consumo advírtelles de que publicitar a prostitución -ou contidos directamente relacionados con ela como servizos de “escort”, “acompañante” ou “masaxista”- é unha práctica prohibida pola Lei Orgánica de garantía integral da liberdade sexual. Esta lei, aprobada en setembro de 2022, considera “ilícita a publicidade que utilice estereotipos de xénero que fomenten ou normalicen as violencias sexuais contra as mulleres, nenas, nenos e adolescentes” e tamén aquela que presente ás mulleres “de forma vexatoria, ben utilizando particular e directamente o seu corpo ou partes do mesmo como mero obxecto desvinculado do produto que se pretende promocionar”.

Por iso, o ministerio liderado por Alberto Garzón requiriu a estes portais webs que, “de forma inminente”, cesen nas súas prácticas infractoras e retiren o contido publicitario ilícito. De non facelo, a súa conduta constituiría unha infracción grave da normativa de consumo que carrexaría multas que poden superar os 100.000 euros e mesmo o peche das mencionadas webs.