- Hai un total de 9 voluntarios e voluntarias de diferentes zonas de españa participando en tarefas de limpeza.
- O goberno local anunciou que a segunda escavación arqueolóxica iniciarase a finais do verán.
Esta semana púxose en marcha no concello da Laracha un novo campo de voluntariado de temática arqueolóxica que está centrado, por cuarta vez, na posta en valor do castro de Montes Claros. A iniciativa, que finalizará o 6 de agosto, organízase co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Aínda que se trata dun programa internacional aberto a rapazada de entre 18 e 30 anos, os nove voluntarios e voluntarias participantes son españois procedentes de Zaragoza, Bilbao, Huelva e localidades galegas como Vigo e Carballo. Entre as actividades, que se levan a cabo durante as mañás, destaca a limpeza con medios manuais dos afloramentos rochosos e a eliminación de rebrotes de eucalipto en todo o ámbito. Todo isto tras recibir unha formación e co control do equipo directivo do proxecto e baixo supervisión arqueolóxica.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Rocío López achegáronse ata a croa do castro, á zona coñecida como ‘A pegada do xentil’, onde se están a realizar parte dos traballos. O rexedor apuntou que nos últimos catro anos xa foron un total de 70 as persoas voluntarias que traballaron no castro de Montes Claros, resaltando a aposta do Concello por poñer en valor este tipo de espazos con actividades coma esta.
Desde o goberno local tamén anunciaron que a finais de verán está previsto iniciar a segunda escavación do castro por parte de arqueólogos especializados.