O Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. Configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en tres bloques: 1. Lingua e comunicacion: funcións comunicativas, 2. Lingua e sistema: coñecemento do código e 3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.
A Xunta de Galicia mantén aberto ata o 12 de abril o prazo de inscrición nas probas oficiais do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga), cuxo procedemento e requisitos poden consultarse na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.
Ademais do abono das correspondentes taxas (16,59 euros) as persoas interesadas -maiores de 16 anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria- deberán cubrir o formulario de solicitude (modelo PL500C) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia e indicar nel a proba ou probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As probas realizaranse entre os meses de maio e xuño e de forma presencial, se a evolución da crise sanitaria ocasionada pola covid-19 o permite, en Santiago de Compostela, para os niveis Celga 1, 2, 3 e 4, e en Ponferrada para os niveis Celga 2, 3 e 4, como vén sendo habitual. As datas concretas será publicadas xunto coas sedes, horarios e listaxe definitiva de persoas admitidas no Portal da Lingua Galega.