Continúa en aumento a incidencia de casos en Carballo, con 190 positivos

1 minutes read
  • Os parques infantís seguen pechados, pero este domingo celebrarase a feira da Milagrosa

A comisión municipal de seguimento da Covid-19 en Carballo reuniuse este xoves para analizar os datos aportados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Na xuntanza, na que participaron membros do goberno municipal e representantes da Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil, amosouse a preocupación compartida polo incremento do número de casos na zona de Bergantiños en xeral, e na localidade carballesa en particular. Segundo os últimos datos ofrecidos pola Xerencia da Área Sanitaria A Coruña-Cee, en Carballo acádanse os 190 casos activos.

A incidencia continúa sendo moi elevada tamén nos centros educativos. Segundo os datos difundidos este xoves pola Consellería de Educación, as cifras son as seguintes:

• CEIP Bergantiños: 4
• CEIP Gándara-Sofán: 2
• CEIP Fogar: 40 (9 aulas pechadas)
• CPR Plurilingüe Artai: 4
• CRA Ponte da Pedra: 3
• IES Alfredo Brañas: 6
• IES Isidro Parga Pondal: 1
• IES Monte Neme: 5
• Escola Infantil As Landras: 2 (1 aula pechada)

Tendo en conta a grave situación dos centros, e á espera do cribado xeral que se vai realizar estes días ao alumnado do CEIP Fogar, a comisión municipal de seguimento acordou manter pechados os parques infantís.

Feira da Milagrosa. Continúa en marcha a feira na praza do Concello e na Milagrosa, que se celebrarán este domingo coas medidas de distanciamento e prevención necesarias.