Continúan as visitas guiadas ao Espazo Amizar, que empezará a prestar servizos a vindeira semana

1 minutes read

A Xunta programou novas visitas para esta fin de semana dada a boa acollida que tivo a iniciativa, pois foron 1.000 as persoas que se achegaron ao edificio para coñecelo nas visitas organizadas a fin de semana pasada. O acceso ás visitas é libre e os interesados deben presentarse na entrada principal uns minutos antes de cada recorrido. Durante a visita respectaranse todas as medidas de prevención sanitarias. Os asistentes teñen a oportunidade de coñecer os detalles da reforma da antiga delegación de Sanidade de Gregorio Hernández, reconvertida agora en edificio administrativo.

A actuación de rehabilitación integral levada a cabo no edificio é unha obra singular desde o punto de vista arquitectónico, con deseño e construción de selo galego, que supuxo un investimento autonómico de 7 millóns de euros. O Espazo Amizar componse de dous edificios, vangardistas e modernos: un con forma de prisma, de 5 alturas, e outro con forma ovalada, de 4 andares, que ocupa o interior da parcela. Están conectados nos diferentes niveis e cun patio interior moi luminoso.