Contratada a eliminación de especies exóticas invasoras en Cíes, Ons e Sálvora

1 minutes read

O contrato autonómico para a execución destes traballos, que acaban de adxudicarse e se desenvolverán durante os próximos 33 meses, enmárcase no chamado LIFE Insular, un proxecto transnacional cofinanciado con fondos europeos no que participan España e Irlanda e que busca acadar a restauración integrada de hábitats insulares do Atlántico.

Concretamente, as actuacións centraranse nas dunas grises fixas e no seu hábitat de contacto para garantir que manteñan un estado de conservación favorable. Para lograr estes obxectivos, a iniciativa prevé executar sobre o terreo unha serie de medidas centradas nos tipos de hábitats insulares 2130 e 4030, correspondentes ás dunas costeiras con vexetación herbácea e aos queirogais secos europeos (brezais).

Ademais, este novo contrato permitirá darlle continuidade aos labores iniciados en 2022 e acometidos tamén durante o ano pasado nos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora sobre a flora terrestre exótica invasora (acacias, margarida africana, etc.) e que inciden de forma moi beneficiosa no estado de conservación dos hábitats antes mencionados.

A tal fin e de aquí a novembro do ano 2026, a adxudicataria terá que ocuparse da realización de accións para a mellora da estrutura e da funcionalidade dos tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control de flora invasora, mediante a aplicación de métodos manuais.