Contratados preto de 2.000 novos profesores, segundo a Xunta


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, informou da incorporación de arredor de 2.000 novos profesores ao sistema de ensino público; o que supón un incremento do 6,2% sobre a plantilla total de profesorado para este curso. Con este reforzo dos equipos docentes dáse resposta á principal demanda da comunidade educativa e cúmprese co compromiso de atender as necesidades de profesorado expostas polos centros. “Con esta decisión -sinalou o conselleiro- pechamos a acción máis importante da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do curso coas máximas garantías de seguridade e calidade”.

Dos preto de 2.000 novos profesores, 1.107 serán para as etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional (847 para reforzar as medidas de seguridade contra a covid e 260 que se incorporan para atender o incremento de oferta); 240 son para Infantil e Primaria (que xa están contratados e traballando nos centros) e 543 son novos docentes de apoio a través do programa ARCO de reforzo educativo (221 para Primaria e 322 para Secundaria).