Un incendio obrigou a evacuar na mañá deste xoves a comisaría de Policía Nacional de Santiago de Compostela, situada na avenida Rodrigo de Padrón. Deuse por controlado logo de máis de tres horas de traballos de extinción.
O lume iniciouse no lateral do edificio «probablemente na galería de tiro» de adestramento, segundo o delegado do Goberno en Galicia, e levantou unha ampla columna de fume visible en diversos puntos da cidade.
Nun acto na Coruña, Pedro Blanco explicou que o incendio «foi absolutamente controlado» e que non se rexistraron danos persoais.
Foron os propios axentes os que deron a voz de alarma contra as dez da mañá deste xoves. Nese momento procedeuse á evacuación do inmoble, tanto dos funcionarios como do público que acudira ás unidades de DNI, pasaporte e negociado de estranxeiros.
Fontes do Concello indicaron que foron trece os bombeiros implicados nos labores de extinción das lapas neste edificio contiguo a un centro de educación de secundaria e próximo á sede da Universidade de Santiago de Compostela.
O edificio fora obxecto dunha ampla reforma por parte do Ministerio do Interior no ano 2010, que incluíu a desmontaxe e recorte das pedras do exterior da fachada. Tamén no interior e acometeron melloras. As obras tiveron un investimento de 7 millóns de euros.