Diario Oficial de Galicia publicará esta semana as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde coa convocatoria de prazas por concurso-oposición e por concurso de méritos para o ingreso en diversas categorías de persoal do sistema sanitario. Trátase da maior oferta de prazas da historia da sanidade pública galega.
As prazas convocadas ascenden a un total de 5.585 para traballar como persoal estatutario fixo nas institucións sanitarias e entidades adscritas ao Sistema Sanitario Público galego, sumando prazas tanto de taxa ordinaria como de taxa extraordinaria, polo sistema de concurso oposición e de concurso de méritos.
As convocatorias, que foron anunciadas no DOG o pasado mes de decembro, inclúen 192 prazas de médicos de familia, 150 delas no concurso oposición, e 42 por concurso de méritos, así como 498 facultativos especialistas de área-155 por oposición e 343 por concurso de méritos-. Tamén, se convocan 32 prazas de médico de urxencias por concurso oposición.
En total, as convocatorias inclúen máis de 2.000 prazas de enfermaría -2.015-. As prazas por concurso oposición inclúen 1.556 prazas para esta categoría, mentres que o concurso de méritos contempla 459 enfermeiros.