Cun orzamento global para o próximo ano de 1,83 millóns de euros, o importe concedido poderá chegar a cubrir ata o 100% do custo das obras subvencionables, sempre que estas cumpran con todos os criterios establecidos para obter unha axuda adicional. Os interesados en acollerse a estas subvencións poderán solicitalas a partir do vindeiro 3 de xaneiro, co fin de que dispoñan de marxe suficiente para poder preparar unha memoria valorada das actuacións a executar. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro do ano que vén.
Trátase dun dos programas de rehabilitación enerxética financiados con fondos europeos que convocará a Xunta por primeira vez en 2022. A súa finalidade é contribuír a acadar os obxectivos medioambientais e enerxéticos establecidos na normativa europea mediante a execución de actuacións en edificios existentes que favorezan a redución do seu consumo final e das emisións de CO2 mediante o aforro de enerxía, a mellora da eficiencia e o aproveitamento das fontes renovables.
As actuacións subvencionables realizaranse en edificacións localizadas en municipios de menos de 5.000 habitantes ou en concellos non urbanos de menos de 20.000 sempre que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000 veciños. Os inmobles deberán terse construído antes de 2007 e poderán ser vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas individualmente.
En canto aos beneficiarios, as axudas están abertas ás persoas físicas ou xurídicas de natureza privada así como ás comunidades ou agrupacións de comunidades de propietarios que sexan titulares de inmobles nos que se vaian acometer as actuacións subvencionables.