O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a convocatoria de 21 prazas para a categoría de oficial de Policía Local -17 por promoción interna e 4 por mobilidade- de 8 concellos galegos. En concreto, Ribeira, Santiago de Compostela, A Guarda, Cambados, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Unha vez superado o proceso de selección, os aspirantes admitidos formarán parte da promoción de mandos que se formará na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta.
A convocatoria do DOG establece os requisitos necesarios para poder inscribirse, entre os que se inclúen criterios como contar coa categoría de oficial noutros corpos da Policía Local da comunidade, estar en servizo activo ou ter un mínimo de tres anos neste corpo, levar máis de tres anos continuados no actual destino ou non atoparse en segunda actividade.
O proceso de promoción interna contará cunha primeira fase de concurso para avaliar os méritos alegados e xustificados á que seguirá unha fase de oposición de tres probas: un test de 120 preguntas, a proba de avaliación de coñecemento de lingua galega salvo nos casos exentos e a resolución dun caso práctico do temario.
Canto ao proceso de provisión por mobilidade realizarase por concurso segundo o baremo de méritos desta convocatoria. En ambas modalidades, será obrigatorio superar o curso selectivo de formación teórico-práctico na AGASP para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría de oficial.