Convocadas as axudas para o adianto da PAC

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas que permitirán adiantar aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das achegas da Política Agraria Común (PAC). A Xunta asinou un convenio de colaboración con diversas entidades financeiras para a formalización dos préstamos preferentes para o anticipo da PAC. Este acordo permite abrir unha liña de empréstitos de interese a tipo cero a favor dos agricultores e gandeiros solicitantes destas achegas da PAC correspondentes a 2022. Nestes préstamos regúlase unha comisión inicial de apertura do 2% do seu importe, que subvencionará a Consellería do Medio Rural, con cargo aos seus orzamentos.

Poderán beneficiarse destas axudas os solicitantes da PAC que cumpran os requisitos legalmente establecidos, entre eles o de ter subscrito un préstamo do anticipo da PAC 2022 con algunha das entidades financeiras asinantes do convenio coa Xunta. As axudas son tanto para os agricultores e gandeiros que soliciten a partires de agora o préstamo como para os que xa o teñan asinado con anterioridade. As solicitudes do adianto poden facerse nas propias entidades financeiras que figuran no anexo IV da orde.