Convocadas axudas para mellora, conservación e divulgación das árbores senlleiras

1 minutes read

O programa conta cunha liña dirixida a concellos e outra a persoas ou entidades propietarias dalgún elemento incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras. Así o anunciou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, no marco dunha visita ao pazo de Santa Cruz de Rivadulla, na que estivo acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o dono da propiedade, cuxos xardíns están incluídos na Ruta da Camelia e destacan por contar con varios elementos catalogados como senlleiros desde hai anos.

A liña está reservada especificamente para concellos ou agrupacións de entidades locais, dotada cun orzamento de 15.000 euros, e outra dirixida a persoas ou entidades sen personalidade xurídica, cunha partida de 25.000 euros. En ambos casos, os beneficiarios deben acreditar a súa condición de propietarios dalgún elemento que forme parte do catálogo.

Entre as actividades subvencionables figuran a realización de podas e actuacións de formación e control da copa; a aplicación de tratamentos fitosanitarios; as accións de conservación e mellora do entorno; iniciativas de divulgación e sinalización; e a execución de estudos. As intervencións, que en ningún caso poderán terse iniciado antes da publicación das ordes, terán como data límite de execución o 30 de setembro de 2022.