O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria do IV Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, un recoñecemento que ten como obxectivo impulsar e visibilizar os proxectos e boas prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais, con resultados positivos para os usuarios e que sexan beneficiarios para a poboación á que se dirixen.
Os proxectos que se presenten á convocatoria deberán estar xa executados. Ademais terán que estar relacionados coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, competencias informacionais e dixitais, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, posta en funcionamento de servizos innovadores, sustentabilidade ambiental, igualdade entre homes e mulleres, loita contra a violencia de xénero e contribución aos obxectivos da Axenda 2030.
Unha das principais novidades deste ano é que se potencia a colaboración na formulación de proxectos, xa que na convocatoria deste ano permítese a presentación conxunta de proxectos por varios concellos, aínda que non constitúan formalmente unha agrupación, así como a presentación de proxectos que abranguen varias bibliotecas dunha rede municipal.
O premio está dotado con 3000 euros e a entrega dun distintivo de biblioteca innovadora que se poderá colocar nun lugar visible das instalacións así como nos seus recursos dixitais. Poderán optar a este recoñecemento as entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, así como as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios común.