Convocados 26 cursos de formación continua para Policía Local

Imaxe de arquivo de axentes da Policía Local.

Diario Oficial de Galicia (DOG) recollía este xoves a convocatoria de 26 cursos de formación continua destinados á Policía Local dos concellos galegos. As accións formativas suman 566 prazas e desenvolveranse no último trimestre do ano na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Segundo a resolución publicada, poderá participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20% das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da AGASP e o prazo para facelo vai desde mañá, 30 de setembro, ata as 14,00 horas do vindeiro mércores, 5 de outubro.

A programación formativa suma 430 horas lectivas e inclúe cursos en modalidade presencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor profesional que desenvolven de xeito cotiá os corpos e forzas de seguridade, con especial atención ao contido máis social.

Nesta liña, vanse impartir por primeira vez na Academia cursos relacionadas coas intervencións en casos de persoas maiores en situación de vulnerabilidade e maltrato, de persoas con discapacidade intelectual ou con enfermidade mental, e de menores vítimas de violencia sexual. A maiores, haberá un curso de formación sobre a Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, aprobada recentemente.

Haberá tamén outras accións formativas habituais e vencelladas á práctica máis cotiá, con cursos de protección de persoas e edificios, de aperturas e entradas dinámicas, do uso do inmobilizador electrónico, apertura policial, control de ruídos ou seguridade cidadá.