Convocados 38,8 M€ en axudas para a incorporación de mozos ao agro


Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cun presuposto de 38,8 millóns de euros. Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, para presentar as solicitudes.

Estas achegas teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización. Trátase dunha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios. Ademais, cabe indicar que a liña de incorporación de mozos está integramente financiada co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI), mentres que as outras dúas liñas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Con esta liña de achegas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

A repartición do orzamento total de 38,8 millóns de euros farase do seguinte xeito: 20,5 millóns irán destinados a plans de mellora, 16,5 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 1,8 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Así, no conxunto, o orzamento desta orde de axudas increméntase nun 3,5% con respecto ao da convocatoria anterior. Ademais, ao igual que na pasada convocatoria, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.