O Concello anuncia a convocatoria da quinta edición do concurso fotográfico ‘A Laracha no obxectivo’, certame co que se pretende fomentar a creatividade e a participación, ao tempo que invita a descubrir e amosar a riqueza paisaxística, patrimonial e humana do municipio a través da fotografía.
O anuncio da convocatoria publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A partir de agora ábrese un prazo de 25 días naturais, ata o 5 de decembro, para que as persoas interesadas poidan presentar as súas imaxes. As bases completas do certame están dispoñibles para a súa consulta no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do Concello da Laracha e na web municipal alaracha.gal.
‘A Laracha no obxectivo’ repartirá 1.500 euros en premios. A iniciativa está aberta tanto a profesionais como a afeccionados á fotografía, e mantén as dúas modalidades das edicións anteriores.
Na modalidade Xeral concederanse tres premios: 600 euros para a imaxe gañadora, 400 euros para a segunda clasificada e 250 euros para a terceira. Cada participante poderá presentar ata tres fotos inéditas, en formato dixital, que deberán estar realizadas dentro do termo municipal da Laracha e permitir identificar claramente o lugar ao que pertencen. A entrega das fotos poderá realizarse presencialmente, mediante CD ou lapis de memoria, ou por vía telemática cun servizo de transferencia de arquivos ao correo electrónico turismo@alaracha.gal.
O xurado que valorará as imaxes do concurso e que outorgará os premios estará integrado por profesionais dos ámbitos audiovisual e turístico e por un representante municipal. Teranse en conta aspectos como o impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade.
Pola súa banda, a modalidade Redes Sociais contará cun premio único de 250 euros, que recibirá a fotografía que consiga máis reaccións positivas na páxina de Facebook de Turismo da Laracha durante o período de votación. Nesta categoría cada persoa poderá participar cunha única imaxe, que deberá enviar por vía telemática cubrindo o formulario habilitado na web municipal.
En ambas modalidades está expresamente prohibido o uso da intelixencia artificial para modificar as fotos.
Con esta quinta edición, o Concello dá continuidade a unha proposta que combina cultura, participación e promoción turística, animando á veciñanza e tamén ás persoas que visitan o municipio a compartir a súa particular visión da Laracha e contribuír a divulgar os seus atractivos. Ademais, tamén permitirá aumentar o arquivo fotográfico municipal.

