O deputado pola Costa da Morte Óscar Insua, reclamoulle á Xunta de Rueda a activación dun conxunto de medidas que permitan recuperar os bancos marisqueiros de Camariñas e o PP, unha vez máis e tras non recibir este ano ningunha achega por parte do Goberno galego para recuperar os bancos marisqueiros, volveu votar en contra de todas as iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento.
Segundo recordou na súa intervención na Comisión de Pesca, despois de que a Confraría paralizase temporalmente o plan de xestión de bivalvos ante a imposibilidade de mariscar, arredor dunha ducia de mariscadoras son as que levan meses realizando traballos de rexeneración nos areais, das cales cinco seguen facendo eses traballos sen ter dereito a cobrar o paro polo cese da actividade, e por enriba, tendo que sufragar o custe da seguridade social. “Faltan dous meses para acabar o paro forzoso da actividade, e o futuro segue sendo máis negro que branco para o colectivo de mariscadoras.”, sostén Insua.
O deputado da Costa da Morte defendeu a creación dunha liña de axudas complementaria ás do Instituto Social da Marina (ISM) para as mariscadoras durante todo o período de veda extraordinaria e realizar todas as xestións pertinentes para incrementar as partidas de semente en Camariñas.
Insua explicou que a axuda xenérica para recuperación de bancos marisqueiros que recibiron este ano, arredor de 32.000 €, tivérona que devolver por ser imposible executala ao non existir ameixa fina ou babosa de criadeiro no mercado. A liña de axudas esixía o cumprimento destes requisitos para a compra da semente, que tiñan que ser especies autóctonas e de criadeiro, esixencias inviables tal e como está o sector en todo o País.
A renuncia da axuda implicou que este ano as mariscadoras de Camariñas non tivesen ningunha outra axuda, de aí a necesidade de crear unha liña específica para encaixar as necesidade concretas que teñen o colectivo de mariscadoras de Camariñas, e que o BNG vén reclamando dende fai anos, atopándose sempre co NON do partido popular.
Na intervención, Oscar Insua tamén solicitaba que a Xunta actúe e execute as medidas recomendadas no estudio técnico do Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria, encamiñadas a recuperar a barra de area que protexe a enseada, como son “as obras marítimas relativas ao tamizado do sedimento ou a construción dalgunha solución baseada na natureza, como a plantación de especies de vexetación de marisma ou da colocación de arrecifes artificiais que permitan reducir a enerxía da ondas e das correntes”.
Por todo iso, O BNG reclámalle ao Goberno galego levar a cabo algunhas das medidas propostas, que teñen que ser extraordinarias e específicas para Camariñas, porque as convocatorias de axudas aprobadas non lles serviron polo de pronto para nada, porque sempre conteñen requisitos que impiden acollerse a ditas axudas.
“A situación é grave”, advertiu, posto que en xaneiro remata o período de paralización do plan e as previsións “non pinta moi ben”, tendo en conta que aínda non comezou a chover, o que pode empeorar as poucas esperanzas de que teñan algo de moluscos para extraer.
“O PP non está a axudar realmente ás mariscadoras de Camariñas. A Xunta ten as competencias exclusivas en xestión do marisqueo, e non se entende que o PP culpabilice de toda a situación a Madrid, salvo que sexa para tapar a súa falla de compromiso e a súa total ausencia nun sector que o está a pasar realmente mal”, declarou.
Recordou que hai 5 anos había 65 mariscadoras, agora menos de 30, e o problema en Camariñas “vén de lonxe”. “Non é deste ano, e o PP segue sen facer nada e votando en contra de todas as propostas que o BNG lle propuxo ao Goberno galego”, criticou.
“Non sei como a Deputada do PP, a señora Mouzo, lle pode mirar a cara as mariscadoras en Camariñas despois de votar contra novamente destas medidas que propoñemos”, rematou.
