Estas axudas enmárcase no Plan autonómico para mellorar as comunicacións móbiles no rural, impulsado pola Amtega, e que acada un investimento global de 10 M€. Deste xeito lánzase unha convocatoria de axudas a operadores de telecomunicacións para facilitar a cobertura móbil en 290 núcleos illados do rural de 65 concellos por un importe de 4 millóns de euros para o período 2021-2023.
Os operadores interesados poderán presentar varios proxectos nos núcleos que elixan, que serán beneficiarios das axudas por orde de valoración ata esgotar a dotación orzamentaria prevista, e as entidades locais deberán achegar terreos para a execución das torres precisas por parte de Retegal, nas que se instalará o equipamento de comunicacións móbiles.
As redes obxecto de subvención deberán permitir a realización de chamadas de voz con calidade a través de terminais de usuario estándar (teléfonos móbiles), debendo garantir esta cobertura durante un período mínimo de 10 anos.
A convocatoria está financiada a un 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e contempla subvencións de ata o 90% de cada proxecto. A publicación desta convocatoria permite dar un paso máis no Plan de mellora de cobertura móbil que puxo en marcha o pasado ano a Amtega, en colaboración coa Fegamp.