Cooperación entre a Xunta e o Concello da Laracha para a prevención de incendios forestais

1 minutes read

O Concello vén de aprobar o programa de actuacións preventivas a realizar ao longo deste ano no marco do convenio de colaboración subscrito coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para a prevención e defensa contra os incendios forestais. A decisión foi adoptada unha vez recibido o informe favorable da inspección previa realizada polo Distrito Forestal.

Este convenio, que está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, permite desenvolver actuacións clave para a redución do risco de incendios no termo municipal da Laracha.

Os traballos previstos centraranse na limpeza e acondicionamento de vías e camiños forestais, áreas cortalumes e faixas de xestión da biomasa de titularidade municipal. Así mesmo, actuarase en superficies sobre as que o Concello dispoña de cesión de uso ou aproveitamento, en parcelas de propietario descoñecido -logo da correspondente acreditación- e en zonas de servidume de camiños e valgadas incluídas nas áreas de xestión de biomasa.

Estas actuacións teñen como obxectivo reforzar a prevención, mellorar a seguridade da veciñanza e protexer o patrimonio natural do municipio fronte ao risco de incendios forestais.

O Concello, co apoio da Xunta, reafirma o seu compromiso coa protección do medio rural e a colaboración institucional para facer fronte a unha das principais ameazas ambientais de Galicia.