- A produción de leite medrou en Galicia preto dun 6% dende 2015 e superou a media estatal do 4,8%.
Así o destacou este luns o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na súa intervención durante a xornada informativa dirixida ao sector gandeiro e agrícola organizada pola Cooperativa Xallas e que tivo lugar no concello de Santa Comba.
O director xeral explicou que este aumento da produción reflicte a permanente reestruturación positiva do sector produtor, a prol da súa rendibilidade e viabilidade económica futura. Un proceso que indica, ademais, que as explotacións en activo adquiren unha maior dimensión produtiva.
José Balseiros situou neste contexto o apoio da Xunta ao sector, que -dixo- se materializa en diferentes medidas e actuacións orientadas a mellorar a rendibilidade das explotacións. Entre elas, salientou o Plan estratéxico que está a impulsar a Consellería do Medio Rural xunto cos representantes sectoriais e que está previsto rematar o vindeiro ano.
Esta iniciativa servirá para analizar polo miúdo as características e a situación do sector -algo no que xa se está traballando-, co fin de determinar despois unha estratexia adaptada ás súas necesidades. O labor estase desenvolvendo a través de diferentes mesas que avalían cuestións como a remuda xeracional nas explotacións, a reorientación da produción e a xeración de valor na cadea ou a promoción dos produtos lácteos. Tamén se abordarán outros asuntos, caso do asociacionismo, a formación, investigación e man de obra na industria ou a sensibilización da sociedade sobre a importancia deste eido produtivo.