Corcubión acolle a Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”

1 minutes read

A ría de Corcubión acolle este domingo, 5 de setembro, a partir das 17.00 horas, a tradicional Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña, que chega á súa trixésimo primeira edición masculina e á segunda na modalidade feminina.

A competición, organizada coa colaboración da Federación Galega de Remo, contará coa participación dun total de 18 clubs da provincia (12 masculinos e 6 femininos), que disputarán a Bandeira nunha regata de 3 millas mariñas (5.556 metros) que constará de 3 ciabogas e catro largos. Repartiranse 25.100 euros en premios entre os e as participantes.

O evento foi presentado esta mañá no Concello de Corcubión nun acto que contou coa presenza do alcalde da localidade, Manuel Insua, o concelleiro de Deportes, José Antonio Louro, o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas e a deputada de Deportes da institución provincial, Cristina Capelán, que destacou que «tras a suspensión do ano pasado debido á pandemia, a Bandeira de Traiñas volverá a reunir aos mellores clubs de remo da provincia nun escenario privilexiado como é a ría de Corcubión».